Xardín Botánico

Xardín Botánico Ría do Burgo e Aula da Natureza Juan Lembeye Lartaud

Un dos lugares con máis encanto do concello é o xardín botánico coa aula da natureza Juan Lembeye Lartaud. Trátase dun espazo a carón da ría do Burgo, ao que se accede a través do paseo marítimo e que conta cun aparcadoiro e unha área de recreo infantil no seu interior.

Nel pódense atopar varios espazos para o coñecemento de diferentes especies, algunhas delas chegadas alén do mar e outras autóctonas. Durante o camiño encontraremos paneis explicativos do que se observa. Na entrada, recibindo ás visitas, atopamos un hórreo, elemento de arquitectura etnográfica galega por excelencia. Os hórreos eran empregados para secar e almacenar o gran neles, debido á súa cámara que permite que corra o aire. Ademais, ao seu carón, un cruceiro dános tamén a benvida, outro dos elementos típicos da arquitectura tradicional galega. Constitúen estes dous elementos pezas do xardín que se podería atopar nos pazos galegos, edificios emblemáticos do poder da nobreza no rural e que atopamos espallados polo concello.

Unha lagoa conectada coa ría chamará a atención dos visitantes, fontes e bancos preparados para descansar e gozar, serán os encargados de acompañar a nosa viaxe a diferentes lugares do mundo a través da natureza. Mesmo atoparemos unha curiosa pousada de insectos no noso paseo.

Na aula da natureza Juan Lembeye Lartaud, recoñecido naturalista que chegou a ser alcalde de Culleredo, atopamos unha ampla programación de actividades, dende exposicións de temas relacionados co medio ambiente ata outras relacionadas co mundo artístico, sen esquecer o Burgo Jazz, un evento dedicado a este estilo musical que enche de música e maxia as noites de verán cullerdense.

Onde: Paseo marítimo da ría do Burgo (fronte aos muíños de Acea de Ama)

Horarios de apertura do Xardín: Soe estar aberto dende pola mañá (9:00) no horario de chegada dos xardineiros

Horarios de apertura de Aula da Natureza:
Laborais: 18:00 – 21:00
Sábados: 11:00 – 13:00 / 18:00 – 21:00

Coordenadas:
43°19’14.9″N 8°22’24.8″W
43.320816, -8.373550