Torre de Celas

A torre de Celas ou de Vinxeira, com0 ben indica o seu nome, é o que conservamos a día de hoxe dos restos dunha fortaleza defensiva. Situada nunha contorna privilexiada, co val de Veiga e o monte Xalo de testemuñas, supón para o concello un ben que dá conta do seu pasado.

Posiblemente foi construída no século XIV, aínda que a data exacta a día de hoxe é un misterio. O certo é que no ano 1395 aparece documentado un litixio sobre a mesma entre o seu propietario, Martín Becerra, e o Concello da Coruña. Pegado á torre existiu tamén un pazo, que foi propiedade da familia Andrade, entre outros, derrubado na actualidade e cos seus escudos trasladados ao pazo de Anceis, no veciño Cambre. Aínda así, na nosa torre podemos atopar as pegadas que indican que durante séculos non estivo soa.

A torre está feita en granito, con varias ventás pequenas e estreitas – seteiras- polas que se disparaban frechas ou setas. Ademais na parte superior atopamos troneiras, elemento consistente en aberturas polas que se podía disparar sen poñerse en perigo. Posúe dúas ventás máis amplas, cuns bancos de pedra no interior e nunha delas brasóns, cos escudos da familia Andrade, outro dos Freixomil e outro escudo que resulta difícil de interpretar.

Restaurada no ano 1992 polos alumnos da Escola- Taller Ponte do Burgo, albergou un museo etnográfico, hoxe pechado.

Non se pode deixar de visitar e gozar do parque que a rodea, onde existe unha zona infantil, así coma unha área verde, na que as árbores permiten gozar dunha agradable sombra e pasear entre elas.

Ao seu carón, a igrexa de Santa María e moi preto o rego Das Xesteiras fan que o tempo pase voando!

A torre de Celas é o único monumento coa denominación de BIC (Ben de Interese Cultural) do Concello. Visitalo leva a imaxinar as loitas e segredos que o seu interior alberga!

 

Onde:
Celas de Peiro (A carón da estrada AC-400)

Coordenadas:
43°14’58.4″N 8°24’31.2″W
43.249559, -8.408664