Reserva da Biosfera
 

Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

 

– Formada por: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

– Superficie: 116.724 ha.

O Concello de Culleredo atópase nun enclave único, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Unha extensa área, 116.724 ha, o que supón un 14,33% da provincia da Coruña. Dende a ría de Betanzos ata O Burgo, comandadas pola cunca do río Mero e o Mandeo, con áreas costeiras, vales litorais e serras interiores, trátase dun lugar único a conservar, protexer e admirar.

Por ser un espazo tan amplo, están protexidos diferentes tipos de hábitats, é dicir, distintos espazos no que se reúnen as características apropiadas para que viva unha especie. Na nosa zona existen máis de 49 tipos de interese comunitario e máis de 300 especies con algún grao de protección.

A ría do Burgo, coas súas marismas, pasa por ser un excelente fogar para a emigración de moitas especies de aves que escapan do frío inverno cara a zonas máis cálidas, algunhas pasan toda a época invernal, mentres que outras utilízana para repoñer forzas e continuar a súa viaxe. Durante todo o ano pódese gozar deste espectáculo, aínda que nos meses de outono, inverno e primavera de xeito máis privilexiado. O birding, é dicir a observación de aves, ten na ría un punto de grande interese. Entre outras especies podemos atopar: cullereiros, garzotas, garzas reais, gaivotas escuras, gaivotas choronas, gaivotas patiamarelas, gaivotóns, corvos mariños grandes, mazaricos reais, carráns cristados, martiños peixeiros, biluricos patirrubios, pilros comúns ou lavancos.

Ademais ao longo de todo o paseo atópanse paneis informativos sobre as diferentes especies de aves ou a contorna. Unha guía aberta que no seu percorrer polo paseo fai que o goce se vexa incrementado.

Tamén no monte Xalo podemos atopar especies de aves forestais, como poden ser os ferreiriños de diverso tipo: azuis, reais, negros e cristados, ou petos, tanto reais coma verdes.

 

A que agardas para comezar o birding?

Cando: Todo o ano, aínda que algunhas especies son máis comúns nos meses de outono, inverno e primavera.

Onde: Paseo marítimo da ría do Burgo

Coordenadas:
43°19’16.0″N 8°22’13.4″W
43.321103, -8.370395

Onde: Monte Xalo

Coordenadas:
43°13’56.9″N 8°24’31.4″W
43.232461, -8.408714

Información adicional:

– Rutas ornitolóxicas pola ría e arredores: www.rutasornitoloxicas.gal

– Novos avistamentos: www.sgo.cesga.es/aves