Paseo de Acea de Ama

Paseo de Fernando II, Enrique Tierno Galván

Ruta de sendeirismo urbana que oferta o Concello de Culleredo para os seus visitantes e veciños. Situada en pleno centro urbano do Burgo, durante o seu quilómetro – ida e volta – pódese bordear o río Trabe polo paseo Profesor Enrique Tierno Galván e paseo Fernando II, cada un nunha marxe do río.

Ao longo do percorrido existe un tramo de carril bici e paseo fluvial, por sendas de terra e outras asfaltadas, con zona infantil e áreas de recreo con bancos e mesas para facer un pícnic. A vexetación é de ribeira fluvial con ameneiros e lirios amarelos, ademais de cabaliños do demo, galiñolas ou pitas de río e parrulos que farán a delicia de todos. É un espazo moi concorrido pola xente do lugar, onde aproveita a beira do río para esquecer as preocupacións diarias e gozar ao aire libre.

Conforma un espazo de lecer e onde practicar deporte, a escasos metros do paseo marítimo do Burgo e o sendeiro polo mesmo río Trabe que vén dende Vilaboa. Para facer máis recomendable esta área, e antes de chegar ao paseo marítimo, podemos visitar os muíños de Acea de Ama, os muíños de marea máis antigos de Galicia, que nos fan viaxar ata o século XII.

PERCORRIDO:

Inicio: Ponte da autoestrada AP-9
Chegada: Muíños de Acea de Ama
Distancia: 1 km ida e volta
Duración: 20 minutos
Dificultade: Baixa

Coordenadas saída:
Paseo Profesor Tierno Galván (fronte a ponte da autoestrada):
43°18’50.7″N 8°22’22.2″W
43.314086, -8.372826

Coordenadas Chegada:
Paseo Profesor Tierno Galván (fronte aos muíños):
43°19’06.1″N 8°22’18.0″W
43.318354, -8.371662