Muiños de Acea De Ama e Museo

 

Os muíños de Acea De Ama recórdannos o esplendor que viviu a poboación de Culleredo na Idade Media. O nome do lugar onde foron situados quedou marcado polos mesmos xa que acea, segundo a RAG (Real Academia Galega) significa muíño, situado nunha ría neste caso, e ama sería o nome co que se coñecería antigamente á ría. Trátase dun conxunto de muíños de marea, é dicir, que os mecanismos cos que funcionan as rodas do muíño eran accionados pola auga estancada das mareas. Situados a carón da ría, son a día de hoxe unha xoia etnográfica, e os muíños de marea máis antigos de Galicia. 

A súa construción data do século XII, e durante nada menos que 800 anos estiveron en funcionamento. Construídos polo Mosteiro de Sobrado, que na época posuía unha grande influencia, a instalación de muíños era un xeito de control para campesiños, que tiñan que pagar elevadas taxas para facer uso dos mesmos. Aínda que a maioría dos muíños eran controlados por señores feudais e mosteiros, tamén existían algúns pertencentes a pequenas comunidades de labregos. Está documentado un incremento de actividade despois do descubrimento de América, en 1492, isto se debía á necesidade de abastecemento que precisaban os navíos para as súas longas travesías cara ao novo mundo. Pero no século XIX cambian os tempos e con eles a tecnoloxía, a industrialización provoca que os muíños de marea queden en desuso. No lugar instálanse tres muíños de vapor, cunha gran cheminea. A evolución desta peza etnográfica seguirá o seu curso e no século XX o antigo alcalde e dono dos mesmos, Andrés Pan Vieiro, tenta poñer en funcionamento unha fábrica de fariña, acollendo o que posteriormente sería o edificio de Servizos Múltiples. Sen éxito empresarial, os muíños rematan en mans do Concello que os converte en museo, coa sala de exposicións Xosé Rey Lago ao seu carón, escultor de ferro e metais, cuxas obras están presentes por todo o concello.

O funcionamento dos muíños era sinxelo: a auga quedaba estancada nunha presa ao subir da marea e cando estaba chea se pechaba. A continuación, a auga era canalizada polos condutos dos muíños e con iso se movían os rodicios, estes á súa vez movían o eixo e por último botaba a andar o mecanismo que moía o gran. A maior capacidade da presa, maior capacidade de traballo do muíño. Unhas das características máis valoradas deste tipo de mecanismos, en comparación cos de río ou vento, é que tiña asegurado o seu funcionamento durante unhas horas ao día todos os días do ano, debido a que as mareas están en movemento sempre.

 Os muíños chegaron ata nós recordándonos a presenza do Burgo de Faro, esa antiga vila que chegou a ter una poder maior que o da cidade da Coruña, e que viu no século XII o seu esplendor. Ao longo do museo dedicado á arte dos muíños, con paneis explicativos, pode chegar a entenderse estes sinxelos mecanismos tan propios da nosa terra.

Coa observación do seu emprazamento e a súa construción podemos achegarnos aos costumes, tradicións e xeito de vivir dos nosos antepasados.

Dirección:
Avda. Acea De Ama, s/n
15670 O Burgo (Culleredo)

Teléfono: 981 665 597

Horario: Apertura baixo cita previa a grupos.

Coordenadas:
43°19’07.5″N 8°22’17.5″W
43.318758, -8.371525