Monte Xalo

Como un auténtico punto verde de referencia na comarca sitúase o monte Xalo. Compartido cos concellos de Carral, Cerceda e A Laracha, é un lugar único para realizar rutas de sendeirismo, a pé ou en bicicleta, pero tamén é un balcón excepcional para contemplar toda a contorna. Atópase dentro do Catálogo das Paisaxes de Galicia, no que aparece nun lugar destacado como lugar de interese na sección de  miradoiros e de áreas de especial interese paisaxístico.

O punto máis ao sur do noso concello destaca por posuír restos megalíticos- mámoas – nunha contorna onde as lendas deixaron a súa pegada nas xentes da zona. Nos seus máis de 500 metros de altitude atopamos o nacemento do río Valiñas, un dos que cruza o concello ata mesturarse co Mero, e de aí ao mar na ría, pero tamén o Barcés.

A flora que atopamos nos montes do Xalo é variada, e herdada das antigas actividades de explotación forestais coa gandería e a agricultura á cabeza. Destaca o piñeiro insigne ou de Monterrey (pinus radiata), cuxos exemplares son moi escasos na provincia da Coruña, e o piñeiro do País (pinus pinaster).  Ademais o eucalipto branco (eucalyptus globulus), un dos grandes colonizadores da flora galega. Pero tamén contamos con especies autóctonas como carballos (quercus robur), castiñeiros (castanea sativa) e ameneiros (alnus glutinosa).

Un dos mellores lugares para gozar das vistas é O Petón, ademais de ser un lugar onde practicar escalada. Non podes deixar de gozar este lugar único, no que fotografar unha das mellores imaxes do concello, da contorna e das rías, posto que nun día claro poderás inmortalizar ata Ferrolterra. Un espazo no que deleitarse e admirar a paisaxe.

Rutas polo Xalo:
Ruta do Xalo e os Sete Regos- BTT

Coordenadas:
43°13’56.9″N 8°24’31.4″W
43.232461, -8.408714