Igrexa de San Xiao de Almeiras

Durante o Camiño que os peregrinos percorren polo concello vanse atopar coa igrexa de San Xiao de Almeiras. Atopámola nun lugar privilexiado, nun alto que permite divisar a ría do Burgo e a Coruña, onde a fotografía se fai unha obriga.

Construída no ano 1859, como se indica na fachada, foi case destruída por mor dun incendio no 1936. Posteriormente reconstruída chega ata nós.

O certo é que antigamente existía na ladeira mirando á ría outra igrexa, da que a día de hoxe só se conserva un debuxo. Baixo o seu coro atopouse un sarcófago cunha lápida dun cabaleiro con armadura en posición orante do século XV, actualmente exposto no Museo Arqueolóxico da Coruña. Isto explica a presenza dunha estatua dun cabaleiro no parque fronte á igrexa.

Foi levantada dun xeito funcional pero con estética clasicista, ampla e con boa luz. Encalada, só deixando á vista os perpiaños de granito. 

Un lugar onde sentarse a descansar do Camiño, coa vista na desembocadura do río Mero. Mentres, a man esquerda, se pode observar como toman terra os avións no aeroporto de Alvedro.

Onde:
Rúa de San Xiao,
15174 Almeiras

Coordenadas:
43°18’28.9″N 8°21’59.7″W
43.308022, -8.366587