Igrexa de San Salvador de Orro

San Salvador de Orro é un templo construído no século XII, modificado posteriormente; de feito, é a igrexa medieval máis modificada de todas as que conservamos.

Dunha soa nave inicialmente, pasou a aumentar o seu número co paso dos séculos para ampliar a súa capacidade. A planta e a ábsida son rectangulares. Existe un arco triunfal na entrada ao cabeceiro, con arco de medio punto e capiteis con motivos vexetais.

Pero como ocorre na igrexa de Vilaboa, non todo é a arquitectura… Nesta Igrexa podemos atopar un retablo do afamado escultor galego Xosé Ferreiro, artista con destacadas obras como o conxunto escultórico do frontón do Pazo de Raxoi en Santiago. O retablo da Transfiguración de Cristo, un dos momentos da vida de Xesús, data do ano 1774 e é a peza que conforma o altar maior da igrexa. O descubrimento da autoría desta obra debémoslla ao historiador Cardeso Liñares. A Transfiguración consta dunha primeira liña superior con Xesús no centro, e Moisés e Elías a ambos os lados, aparecen sobre nubes os tres personaxes. Na liña inferior aparecen Xoán, Santiago e Pedro, nunha contorna natural e mirando cara a arriba. Con moito xogo de luz, no que Cristo aparece con luz propia,  o emprego da luz fainos recordar ao barroco, así coma determinadas características da obra. Sen dúbida, esta peza representa outra das xoias artísticas e de gran valor que atesoura Culleredo.

Moi interesante resulta tamén o cruceiro que se atopa nas inmediacións, un dos máis antigos do Concello, cunha imaxe de Xesús nunha cara do capitel e a Virxe noutra.

Onde:
Estrada de Uxes a Tarrío
15199 Orro

Coordenadas:
43°17’03.0″N 8°25’37.0″W
43.284179, -8.426945