A ponte do Burgo

Un dos monumentos máis representativos do concello é a ponte do Burgo, mesmo está representada no seu escudo. A ponte que temos hoxe é de época medieval, en concreto poderíase clasificar na Baixa Idade Media, con posteriores restauracións. A última no ano 1992 feita pola Escola Taller  Ponte do Burgo.

Un total de 11 arcos de medio punto con doelas de cantería, algúns deles da ponte orixinal e outros reconstruídos, en concreto os orixinais están situados no centro e na marxe da Barcala. Aínda que a lonxitude da ponte puido ser superior. Feita en granito, a día de hoxe é peonil. Na unión da ponte con Cambre aínda se conservan restos do pavimento deixado á luz durante a restauración, así como desaugadoiros cos que se evitaba a acumulación de auga, localizados na parte central da ponte.

Na marxe cullerdense pódese apreciar un perpiaño con escudos, reprodución dos orixinais gardados na veciña igrexa de Santiago do Burgo. Correspóndese con escudos das familias nobres Andrade e Moscoso, que data de finais do século XIV, e representa un relevo conmemorativo da construción da ponte ou da reconstrución da mesma patrocinado por Fernán Pérez de Andrade.

Se esta ponte puidese falar contaría moitas historias dos centos de anos que leva construída. Unha das máis interesantes foi a da súa destrución durante a Guerra da Independencia no século XIX. En xaneiro do ano 1809, os británicos, comandados por Sir John Moore, emprendían a retirada cara ás illas escapando do exército francés. A misión era chegar ata a cidade da Coruña, lugar acordado de onde partirían os navíos de retorno. Moore deu orde de voar a ponte para gañar algo de tempo aos franceses, debido a que esta era a ponte para cruzar a ría máis preto da cidade da Coruña. A pesar deste feito, as tropas francesas, comandadas polo mariscal Soult, solventaron o problema e produciuse días máis tarde a Batalla de Elviña, na que o comandante británico quedaría ferido de morte. Os dous bandos conseguiron o seu propósito, os ingleses embarcar cara á súa casa e os franceses tomar a cidade.

Camiñar por ela é camiñar pola historia, dende templarios a xenerais británicos, pasando por piratas, esta ponte tan querida no concello é un símbolo do pasado, e nos fai recordar e rememorar que estamos gravados na historia.

Onde:
Paseo da ría do Burgo (paralelo á Rúa Templarios)

Coordenadas:
43°18’55.9″N 8°21’37.2″W
43.315536, -8.360324